Entradas

Mostrando entradas con la etiqueta Coñecendo A Estrada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Coñecendo A Estrada. Mostrar todas las entradas

jueves, 7 de junio de 2012

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO: UNHA FESTA MÁXICO-RELIXIOSA.




A máis famosa das Rapas celébrase todos os veráns na parroquia de San Lourenzo de Sabucedo no noso concello, A Estrada. A devandita parroquia consta de tres aldeas: Sabucedo, a Devesa, e a Barbeira, cun total de 50 habitantes que chegan a se duplicar as fins de semana.


Na actualidade ten máis de 600 cabalos, chamadas bestas ás femias e garañóns aos machos, divididos en 14 manadas, que viven libres nunha extensión de máis de 200 km² de monte. Esta celebración consiste, como noutros curros, en recoller os cabalos do monte, metelos no curro, rapalos e marcalos.

O de Sabucedo é o curro máis coñecido no ámbito galego, presenta ademais trazos propios que o diferencian dos demais, non empregándose cordas nin utensilios diversos para reducir ao cabalo, senón que son os "aloitadores" os encargados de suxeitar á besta ou garañón mentres se procede a rapa, usando tan só a súa destreza e o seu corpo para realizar o labor.

A "baixada" ou actividade de xuntanza e condución das bestas ata Sabucedo forma parte da propia celebración e participan nela centos de persoas de Galicia e de fóra da comunidade autónoma. Unha vez que se xuntan as greas que andan espalladas polos montes de Quireza, Souto, Cuntis, Campo Lameiro e demais, cada grupo de xente reúne as greas que pode e logo xúntanas no Peón, antes de baixar para a aldea.

Unha vez comezada a baixada, as greas descansarán en Cataroi, un terreo por riba da vila onde poden beber, alimentarse e coller forzas  para soportar con valentía a loita que poucas horas despois manterán cos mozos de Sabucedo.

A primeira Rapa lévase a cabo o sábado pola tarde, nun curro de pedra semicircular de recente creación (antes o curro estaba a carón da Igrexa, outro sinal do vencellamento de Festa-Igrexa). 

O feito da Rapa non é só cortar as crinas, senón tamén a previa aloita corpo a corpo, home-besta, e a inmobilización do animal. O acto, que antes máis ca divertir tiña coma fin vender as serdas, comeza co acurramento dunha parte das bestas. Os nenos separarán os poldros (bichiños) para que estes non sexan mancados polos grandes e irse así iniciando na actividade. O acto da Rapa representa tamén, segundo o estudoso Manuel Cabada, unha iniciación simbólica do paso do neno á mocidade, ao agarrar por primeira vez un poldro guiado e dirixido polos maiores.

Seguidamente os aloitadores, nos últimos anos tamén algunhas aloitadoras, collen un cabalo, diríxense especialmente ás bestas do Santo, e loitan con el corpo a corpo, sen máis aparellos que a súa forza.

Esta forma de aloitar herdouse de xeración en xeración: dous aloitadores van á cabeza e un ao rabo. Un dos que vai á cabeza debe ser o que salta enriba do animal e cabalga sobre el. Pouco despois, o segundo da cabeza acode na súa axuda. Cando este chega e se engancha nas crinas dianteiras, o que está subido no équido debe baixar do animal. Ó mesmo tempo o aloitador que vaia ó rabo debe facer unha serie de movementos para intentar desequilibrar a besta.

Este ritual repetirase o domingo pola mañá (día de máis afluencia de xente) e o luns, día no que tamén se procede á marca dos poldros, é dicir, á corta das orellas, para así, coas orellas fanadas, quedar “consagrado” e pasar a pertencer á eguada do Santo.

Cara ó mediodía as bestas iniciarán a súa viaxe cara ó alto do monte. “Cada cabalo griñón reagrupará, rinchando, de novo a súa grea e deste xeito a eguada de San Lourenzo de Sabucedo esperará un ano máis a ritual visita ó seu pobo, ó pobo desas xentes de Sabucedo que durante séculos tiveron e seguen tendo a teima de defender contra homes, lobos e lume as súas bestas”.


Historia da Rapa das Bestas de Sabucedo.


Aínda que nun principio pareza unha festa de carácter profano, todo indica que está moi vinculada coa Igrexa. Trátase dunha festa “máxico-relixiosa”. O propio nome de Sabucedo participa desta característica, a etimoloxía identifica o nome con “sabucus” ou “sambucos”, procedente do latín, que significa “sabugueiro”, planta de virtudes curativas e que era mirada coma unha árbore bendita.




Non se sabe con certeza cando o pobo de Sabucedo comezou a realacionarse coas bestas. Nos petroglifos da Terra de Montes dos séculos XVIII-VIII a.C. hai gravados nos que aparecen cabalos, moitos con xinetes tratando de dominar o animal, e aínda que se pensa que pode haber unha certa relación , a xente da parroquia segue mantendo a orixe da Rapa nunha lenda oral, que di que houbo unha peste que devastou a bisbarra. 



Ante esta situación dúas irmás da aldea ofrecéronlle a San Lourenzo dúas bestas se as defendía do mal, e así foi. Mentres durou a peste as dúas irmás refuxiáronse nunha cabana afastada da aldea, e pasando a mesma doáronlle as bestas á Igrexa. A pesar de non haber datos escritos ó respecto que verifiquen a certeza da tradición oral, consérvanse topónimos coma “O coto da Cabana”, a “Caraballeira das Vellas”, “Fonte das Vellas”, etc. e atopáronse escritos sobre unha peste bubónica na zona que tivo lugar no século XVI. De todos os xeitos os primeiros datos escritos sobre a festa da Rapa, na forma que hoxe ten, son do ano 1682.

Esta lenda volve vincular o acto coa Igrexa, e segue a tradición dos antergos ó longo dos séculos. O único que muda dende entón é a data de celebración. Antigamente facíase no día de Pentecostés, e pode que houbera dúas baixas. Hoxe en día celébrase no verán. Comeza a festa a madrugada do primeiro sábado de xullo con foguetes que chaman a xente á misa ou eucaristía da alborada, na que se pide a protección de San Lourenzo para todos os actos que conleva a celebración.

En 1963 a festa foi declarada de Interese Turístico Nacional, e no ano 2007 de Interese Turístico Internacional, quedando así entre as catro que teñen este galardón en Galicia.

Protexer este gran patrimonio da nosa cultura, recoñecido a nivel mundial, perténcenos a nós, estradenses, conservándoa e dinamizándoa, dende o respeto pola natureza e tradición, e sobre todo polos grandes protagonistas na celebración, eses fermosos cabalos do Santo...

miércoles, 6 de junio de 2012

FUNDACIÓN MARÍA MARTÍNEZ OTERO (II)



FUNDACIÓN MARÍA MARTÍNEZ OTERO.






No ano 2004, e como recoñecemento á fundadora da compañía, créase a Fundación María Martínez Otero, entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivos principais o fomento, a promoción e o desenvolvemento da industria do moble. Destaca polo seu compromiso na formación e educación de mozos profesionais, promovendo a interacción entre profesionais e empresa, entre tradición e modernidade, entre cultura e deseño...

As actividades da Fundación María Martínez Otero preséntanse no ámbito internacional e contan coa colaboración e participación de acreditados profesionais do deseño industrial, a arquitectura, ou a comunicación como Arik Levy, Piero Lissoni, Tobias Jacobsen, PearsonLloyd, O Último Grito, Alberto Liévore, Martín de Azua, Fachendoso Claret ou Martí Guixé entre outros.

Entre as accións máis importantes levadas a cabo por parte da empresa, cabe reseñar:
  • O Premio Internacional de Deseño.
  • Industrial do moble.
  • Bolsa Suso Durán.
  • Múltiples exposicións.
  • Conferencias variadas.
  • Talleres.
  • As actividades do Centro bibliográfico.

Contribuíntes dende antano  no   desenvolvemento industrial, económico e cultural da sociedade española, a Fundación nace do compromiso persoal e empresarial das distintas xeracións da familia galega Martínez Otero.


A súa creación é unha iniciativa pioneira dentro do panorama social e cultural español, e pretende desenvolver os niveis de calidade e innovación nos sectores do moble de deseño, interiorismo e a arquitectura.

A súa presenza no Concello de A Estrada amósase como unha vía cara o desenvolvemento e promoción da marca estradense. Levando a cabo un compromiso entre a empresa, as institucións públicas e privadas e a sociedade, é posible a dinamización da nosa cultura, así como os aspectos socioeconómicos mediante os cales conseguir unha mellora do nivel e calidade de vida para o pobo.























jueves, 10 de mayo de 2012

Empresa Martínez Otero (I).

PROJECT MANAGEMENT, FABRICACIÓN E INSTALACIÓN DE MOBILIARIO E INTERIORISMO



No marco da investigación a realizar para a asignatura Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Rural do Máster en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica da USC que estou a cursar, propóñome a análise da empresa Martínez Otero.

A través do estudo da mesma, preténdese indagar sobre o impacto que presenta no concello de A Estrada, así como a súa dimensión económica no contexto rexional, nacional e internacional. Martínez Otero é fundada no 1942 por María Martínez Otero, como un taller de ebanistería de calidade, adicada á venda de pezas coidadosamente elaboradas en toda España.

Xa nos anos sesenta, Martínez Otero preséntase como unha fábrica de mobles que traballa para diversos clientes en proxectos Contract (1), desde mobiliario para colexios, ata despachos ou bibliotecas institucionais.

Con 70 anos de historia, preséntase na actualidade como un grupo de empresas especializada na execución de grandes proxectos Contract e a fabricación de mobiliario de deseño contemporáneo, desenvolvendo a súa actividade económica nos cinco continentes.

Cunha gran capacidade de produción, os seus servizos van dende a execución do proxecto integral, á fabricación ou instalación de mobiliario e equipamento, ofrecendo unha gama de servizos en tódalas fases dos grandes proxectos de interiorismo, o que lle confire un nivel de fidelidade de clientes superior á media.

O seu capital é 100% español, independente e familiar. O domicilio social, establecido na vila, favorece a creación de postos de traballo para os cidadáns,  impulsando o crecemento –nivel de vida- e desenvolvemento –calidade de vida- económico de A Estrada e os estradenses.

Cronoloxía da Empresa.

1942: María Martínez Otero funda un taller de ebanistería de alta callidade.


1960: Martínez Otero é xa unha fábrica que vende mobles en toda España.

1970: Martínez Otero realiza instalacións e proxectos de interiorismo para tendas, colexios e institucións en España.

1980: Lanzamento da primeira colección de mobles de deseño contemporáneo Martínez Otero.

1990: Realización de grandes proxectos de interiorismo para tendas a nivel internacional.

2004: Creación da Fundación María Martínez Otero.

2005: Creación da nova marca Mo, coa colaboración de deseñadores internacionais.

2006: Ampliación dos servizos de Contract e aumento dos proxectos internacionais para grandes marcas en colaboración cos máis prestixiosos arquitectos e interioristas.

2006: Ampliación da capacidade industrial, incorporación de tecnoloxía de vangarda e reforma das instalacións.

2007: Expansión Internacional das marcas Mo e Martínez Otero con vendas en diversos países de Europa e EE.UU.

2007: A mesa Twist, de Mo, Premio Internacional de Deseño IDE-FX , e Premio Elle Decoration Internacional.

2007: Expansión da división de tendas de Martínez Otero Contract con novos proxectos para Zara e Adolfo Domínguez.

2007: Expansión da división de hoteis con novos proxectos para Silken internacional, Barceló Hoteis, Hilton e Sheraton Hotels and Resorts.

2008: Expansión da división de tendas/retail con proxectos realizados para Loewe, Tous, Hackett, Jaime Mascaró, Bóboli... en diversos países do mundo.

2009: Creación de Martínez Otero Emirates con servizos de Contract nos países Árabes.

2010: Expansión da división internacional de hoteis e creación do servizo chave en man para tendas, con implantación en Francia, Reino Unido e Alemaña.

2011: A expansión internacional consolídase con novos proxectos en máis 183 cidades nos cinco continentes. 

2012: Posicionamento de Martínez Otero en Contract de alto valor engadido para grandes marcas e grandes cadeas de hoteis en todo o mundo.

Velaquí o enlace á páxina web de Martínez Otero, donde poderedes atopar información de todo tipo:


Tras esta increíble evolución co paso do tempo, na cal se observa a enorme dimensión de Martínez Otero ¿Cres que unha parte do desenvolvemento económico de A Estrada ven marcada pola mesma?

Como unha das máis representativas en canto ao sector da madeira no Concello de A Esstrada, pola súa situación de Capital do Moble de Galicia, ¿Que opinión che merece esta empresa? ¿Coñeces a alguén que traballe en Martínez Otero?



(1) Contract é a canle onde se integra unha cadea de valor de produtos e servizos, con enxeñería específica, ao obxecto de dar unha resposta glogal e especializada na arquitectura, interiorismo e equipamento (decoración) hostaleiro e outros espazos de uso colectivo.
O resultado é unha boa xestión desta cadea de valor, a cal  achegará unha maior rentabilidade ao investimento do promotor/operador, e incrementará o valor do establecemento.










jueves, 3 de mayo de 2012

A Estrada na vangarda do turismo rural.




Nos últimos anos o sector do turismo experimenta notables cambios, sendo un dos máis importantes a diversificación da oferta turística froito das variacións nos gustos da demanda. Segundo os datos oficiais proporcionados polo INE, a Galicia chegan ao redor de 5 millóns de turistas estranxeiros e 11 millóns de turistas nacionais ao ano.

Neste panorama xorde entre outros, o turismo rural, o cal acada un importante desenvolvemento na nosa comunidade. Os resultados mostran unha favorable evolución do mesmo, experimentando fundamentalmente dende os anos noventa do século pasado un importante ritmo de crecemento da oferta e a demanda e presentando actualmente unha importante cota do mercado nacional.

A través de iniciativas como o programa Leader da UE incentívase o establecemento  e remodelación de casas adicadas ao turismo rural. Galicia posúe ao redor de 600, producíndose nembargantes un estancamento nos últimos catro anos.

Observando o mapa de concentración de casas rurais, A Estrada preséntase como o territorio de maior apoxeo das mesmas, situando á vila nunha situación privilexiada para o desenvolvemento deste tipo de turismo.

Un dos complexos máis importantes do noso pobo é o Pazo de Oca. Declarado monumento histórico-artístico, trátase dunha propiedade privada, a cal merece a pena visitar. O conxunto está formado por tres grandes elementos: Unha igrexa-capela, un palacio, e xardíns. O edificio foi construído durante os séculos XVII e XVIII e converteuse, co tempo, no máis renombrado dos pazos galegos.

O Pazo de Oca é un conxunto dunha gran monumentalidade tanto arquitectónica, como botánica e ornamental. É un fiel reflexo da sociedade da época no que está construído, ao mostrar claramente os distintos compartimentos nos que estaban divididas as clases sociais.

Hoxe en día forma unha praza pública onde sobresae o edificio barroco xunto coa Torre da Homenaxe, restos do antigo castelo que anteriormente se erixiu no lugar. Ao fondo pode observarse a capela e un paso elevado e privado para os propietarios. O conxunto finaliza coa casa onde vivían os antigos serventes da propiedade.

A igrexa do conxunto, adicada a San Antonio de Padua caracterízase por estar construída en planta de cruz latina, nun edificio palacego elegante, totalmente barroco e de medidas perfectas. Tanto a fachada como os seus interiores mostran os escudos de todos aqueles que nalgún momento foron propietarios.

O pazo conta con enormes e magníficos xardíns,  con estanques, sebes, balaustradas, veredas e pontes, ademais dunha gran variedade de flora. O amplo estanque atópase dividido por un pasadizo de pedra albergando unha barca que navega polas súas augas. Polos xardíns poderemos atoparnos todo tipo de árbores, camelias e tilos. Para moitos, o elemento máis significativo é a combinación perfecta de flora e auga.

Sen embargo e ante este magnífico pazo, outras moitas son as casas adicadas ao turismo, as cales supoñen unha magnífica oportunidade para o desenvolvemento do pobo. A continuación deixo un enlace dunha páxina onde se poden ver as mesmas, coas posibilidades que presentan.



Ante este panorama, ¿non sería aconsellable a creación de acordos entre as mesmas para mellorar a oferta e ofrecer ao público mellores condicións? Mediante a cooperación poderían aparecer sinerxias, as cales  posibilitarían a búsqueda dunha maior eficiencia no sector.