lunes, 19 de marzo de 2012








O FENÓMENO DA SUBURBANIZACIÓN

Predominantemente dende os anos setenta, estase a dar o proceso de suburbanización, consistente o mesmo na desconcentración da poboación lonxe dos asentamentos urbanos e dos centros das cidades.

Este proceso rompe coa dinámica de urbanización que se viña dando ata o momento, polo cal se crearan as cidades, constituídas como os grandes núcleos de innovación e desenvolvemento socioeconómico.

Esta nova tendencia, con movementos centrífugos (expulsión da cidade cara o rural e periferia), posibilita o desenvolvemento do medio rural grazas ao efecto desbordamento do coñecemento, o cal se expande do medio urbano (os grandes centros do coñecemento) cara esas denominadas zonas suburbanas.

O gradiente de urbanización descende a medida que nos desprazamos do centro cara afora, debido á existencia das denominadas coroas, tal e como se amosa no debuxo:





Urbano     Suburbano    Rururbano    Rural     Rural Marxinal



Este proceso, dinamizador do medio rural, abre unha porta ao desenvolvemento e conservación do mesmo. A actual situación económica, xunto cos problemas que xorden á hora de vivir nas cidades (elevados prezos da vivenda, contaminación, estrés derivado do ritmo frenético das mesmas, etc.), provocan que un número crecente de individuos, predominantemente xóvenes adultos, desenvolvan a súa vida nestas zonas suburbanas.

No caso de A Estrada, a vila amósase como un lugar máis tranquilo e refuxio da cidade de Santiago de Compostela, onde un importante colectivo desenvolve o seu traballo. Á vez, as aldeas do Concello desenvolven o mesmo papel para aqueles individuos que buscan unha maior tranquilidade no medio rural.

Esta tendencia, debería ser aproveitada para consumar e establecer o rural como medio de vida, igual que os núcleos urbanos, sen limitacións para a poboación, pero ¿como se pode conseguir isto? ¿que medidas se poderían tomar?

jueves, 1 de marzo de 2012




GRANXA FAMILIAR.COM

Granxa Familiar é un proxecto creado a partir dun estudo levado a cabo en Galicia e Irlanda entre o ano 2003 e 2006, sendo financiado pola Fundación Feiraco e o GIST–T IDEGA da USC. Amósase como unha oportunidade de cambio, ponte entre o pequeno agricultor e o consumidor, o cal paulatinamente demanda produtos de alta calidade, ecolóxicos e  respetuosos co medio ambiente. Atrás quedan os tempos nos que tan só importaba a produción en masa, o novo consumidor demanda bens que melloren a súa calidade de vida e favorezan a súa saúde.
Mediante Granxa Familiar perséguese poñer en contacto directamente aos produtores galegos, asentados predominantemente no rural e adicados fundamentalmente ao multicultivo de subsistencia (estando hoxe en día preparados para saír ao mercado), con ese novo consumidor, o cal polas trabas existentes (a vida na cidade, falta de tempo, a  distancia, descoñecemento, etc.), non pode acceder a ditos produtos de alta calidade.
Por outra banda, e non menos importante, está o acoso sometido polas grandes superficies e maioristas aos produtores do rural, os cales ven como os seus produtos son vendidos nos mercados a uns prezos moi superiores aos que eles reciben pola existencia das grandes canles de distribución e intermediación.
Con este novo proxecto, créase a posibilidade de mediación directa entre oferente – demandante, dando como resultado un prezo xusto entre ambos. O produtor recibe aquela cantidade que satisfai os custes de produción e o traballo empregado, e o consumidor recibe un produto de alta calidade, carente de alteracións químicas prexudiciais coa saúde e co medio ambiente.
Dadas as oportunidades do noso pobo, A Estrada, o concello coa maior cantidade de aldeas de todo Galicia, nas cales se desenvolve unha agricultura sostible, moi variada en canto a produtos,  e respetuosa co medio, ¿sería posible asentar as bases para a creación dun mercado deste tipo?. O exemplo claro está neste grupo de agricultores que desempeñan este proxecto e os beneficios, tanto cuantitativos como cualitativos, que están a obter.
No tempo que estamos a vivir, de profunda crise económica e cos niveis de desempregro máis altos de Europa e practicamente da nosa historia, o rural volve a coller forza en canto ás súas grandes posibilidades. O esgotamento das oportunidades no medio urbano, así como ese ritmo frenético e pouco saudable para a poboación, abren de novo o camiño para a dinamización e impulso do rural galego. Atrevámonos a coñecelo, sen dúbida non sairemos perdendo.