jueves, 7 de junio de 2012

A RAPA DAS BESTAS DE SABUCEDO: UNHA FESTA MÁXICO-RELIXIOSA.




A máis famosa das Rapas celébrase todos os veráns na parroquia de San Lourenzo de Sabucedo no noso concello, A Estrada. A devandita parroquia consta de tres aldeas: Sabucedo, a Devesa, e a Barbeira, cun total de 50 habitantes que chegan a se duplicar as fins de semana.


Na actualidade ten máis de 600 cabalos, chamadas bestas ás femias e garañóns aos machos, divididos en 14 manadas, que viven libres nunha extensión de máis de 200 km² de monte. Esta celebración consiste, como noutros curros, en recoller os cabalos do monte, metelos no curro, rapalos e marcalos.

O de Sabucedo é o curro máis coñecido no ámbito galego, presenta ademais trazos propios que o diferencian dos demais, non empregándose cordas nin utensilios diversos para reducir ao cabalo, senón que son os "aloitadores" os encargados de suxeitar á besta ou garañón mentres se procede a rapa, usando tan só a súa destreza e o seu corpo para realizar o labor.

A "baixada" ou actividade de xuntanza e condución das bestas ata Sabucedo forma parte da propia celebración e participan nela centos de persoas de Galicia e de fóra da comunidade autónoma. Unha vez que se xuntan as greas que andan espalladas polos montes de Quireza, Souto, Cuntis, Campo Lameiro e demais, cada grupo de xente reúne as greas que pode e logo xúntanas no Peón, antes de baixar para a aldea.

Unha vez comezada a baixada, as greas descansarán en Cataroi, un terreo por riba da vila onde poden beber, alimentarse e coller forzas  para soportar con valentía a loita que poucas horas despois manterán cos mozos de Sabucedo.

A primeira Rapa lévase a cabo o sábado pola tarde, nun curro de pedra semicircular de recente creación (antes o curro estaba a carón da Igrexa, outro sinal do vencellamento de Festa-Igrexa). 

O feito da Rapa non é só cortar as crinas, senón tamén a previa aloita corpo a corpo, home-besta, e a inmobilización do animal. O acto, que antes máis ca divertir tiña coma fin vender as serdas, comeza co acurramento dunha parte das bestas. Os nenos separarán os poldros (bichiños) para que estes non sexan mancados polos grandes e irse así iniciando na actividade. O acto da Rapa representa tamén, segundo o estudoso Manuel Cabada, unha iniciación simbólica do paso do neno á mocidade, ao agarrar por primeira vez un poldro guiado e dirixido polos maiores.

Seguidamente os aloitadores, nos últimos anos tamén algunhas aloitadoras, collen un cabalo, diríxense especialmente ás bestas do Santo, e loitan con el corpo a corpo, sen máis aparellos que a súa forza.

Esta forma de aloitar herdouse de xeración en xeración: dous aloitadores van á cabeza e un ao rabo. Un dos que vai á cabeza debe ser o que salta enriba do animal e cabalga sobre el. Pouco despois, o segundo da cabeza acode na súa axuda. Cando este chega e se engancha nas crinas dianteiras, o que está subido no équido debe baixar do animal. Ó mesmo tempo o aloitador que vaia ó rabo debe facer unha serie de movementos para intentar desequilibrar a besta.

Este ritual repetirase o domingo pola mañá (día de máis afluencia de xente) e o luns, día no que tamén se procede á marca dos poldros, é dicir, á corta das orellas, para así, coas orellas fanadas, quedar “consagrado” e pasar a pertencer á eguada do Santo.

Cara ó mediodía as bestas iniciarán a súa viaxe cara ó alto do monte. “Cada cabalo griñón reagrupará, rinchando, de novo a súa grea e deste xeito a eguada de San Lourenzo de Sabucedo esperará un ano máis a ritual visita ó seu pobo, ó pobo desas xentes de Sabucedo que durante séculos tiveron e seguen tendo a teima de defender contra homes, lobos e lume as súas bestas”.


Historia da Rapa das Bestas de Sabucedo.


Aínda que nun principio pareza unha festa de carácter profano, todo indica que está moi vinculada coa Igrexa. Trátase dunha festa “máxico-relixiosa”. O propio nome de Sabucedo participa desta característica, a etimoloxía identifica o nome con “sabucus” ou “sambucos”, procedente do latín, que significa “sabugueiro”, planta de virtudes curativas e que era mirada coma unha árbore bendita.




Non se sabe con certeza cando o pobo de Sabucedo comezou a realacionarse coas bestas. Nos petroglifos da Terra de Montes dos séculos XVIII-VIII a.C. hai gravados nos que aparecen cabalos, moitos con xinetes tratando de dominar o animal, e aínda que se pensa que pode haber unha certa relación , a xente da parroquia segue mantendo a orixe da Rapa nunha lenda oral, que di que houbo unha peste que devastou a bisbarra. 



Ante esta situación dúas irmás da aldea ofrecéronlle a San Lourenzo dúas bestas se as defendía do mal, e así foi. Mentres durou a peste as dúas irmás refuxiáronse nunha cabana afastada da aldea, e pasando a mesma doáronlle as bestas á Igrexa. A pesar de non haber datos escritos ó respecto que verifiquen a certeza da tradición oral, consérvanse topónimos coma “O coto da Cabana”, a “Caraballeira das Vellas”, “Fonte das Vellas”, etc. e atopáronse escritos sobre unha peste bubónica na zona que tivo lugar no século XVI. De todos os xeitos os primeiros datos escritos sobre a festa da Rapa, na forma que hoxe ten, son do ano 1682.

Esta lenda volve vincular o acto coa Igrexa, e segue a tradición dos antergos ó longo dos séculos. O único que muda dende entón é a data de celebración. Antigamente facíase no día de Pentecostés, e pode que houbera dúas baixas. Hoxe en día celébrase no verán. Comeza a festa a madrugada do primeiro sábado de xullo con foguetes que chaman a xente á misa ou eucaristía da alborada, na que se pide a protección de San Lourenzo para todos os actos que conleva a celebración.

En 1963 a festa foi declarada de Interese Turístico Nacional, e no ano 2007 de Interese Turístico Internacional, quedando así entre as catro que teñen este galardón en Galicia.

Protexer este gran patrimonio da nosa cultura, recoñecido a nivel mundial, perténcenos a nós, estradenses, conservándoa e dinamizándoa, dende o respeto pola natureza e tradición, e sobre todo polos grandes protagonistas na celebración, eses fermosos cabalos do Santo...

miércoles, 6 de junio de 2012

FUNDACIÓN MARÍA MARTÍNEZ OTERO (II)



FUNDACIÓN MARÍA MARTÍNEZ OTERO.






No ano 2004, e como recoñecemento á fundadora da compañía, créase a Fundación María Martínez Otero, entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivos principais o fomento, a promoción e o desenvolvemento da industria do moble. Destaca polo seu compromiso na formación e educación de mozos profesionais, promovendo a interacción entre profesionais e empresa, entre tradición e modernidade, entre cultura e deseño...

As actividades da Fundación María Martínez Otero preséntanse no ámbito internacional e contan coa colaboración e participación de acreditados profesionais do deseño industrial, a arquitectura, ou a comunicación como Arik Levy, Piero Lissoni, Tobias Jacobsen, PearsonLloyd, O Último Grito, Alberto Liévore, Martín de Azua, Fachendoso Claret ou Martí Guixé entre outros.

Entre as accións máis importantes levadas a cabo por parte da empresa, cabe reseñar:
  • O Premio Internacional de Deseño.
  • Industrial do moble.
  • Bolsa Suso Durán.
  • Múltiples exposicións.
  • Conferencias variadas.
  • Talleres.
  • As actividades do Centro bibliográfico.

Contribuíntes dende antano  no   desenvolvemento industrial, económico e cultural da sociedade española, a Fundación nace do compromiso persoal e empresarial das distintas xeracións da familia galega Martínez Otero.


súa creación é unha iniciativa pioneira dentro do panorama social e cultural español, e pretende desenvolver os niveis de calidade e innovación nos sectores do moble de deseño, interiorismo e a arquitectura.

A súa presenza no Concello de A Estrada amósase como unha vía cara o desenvolvemento e promoción da marca estradense. Levando a cabo un compromiso entre a empresa, as institucións públicas e privadas e a sociedade, é posible a dinamización da nosa cultura, así como os aspectos socioeconómicos mediante os cales conseguir unha mellora do nivel e calidade de vida para o pobo.























martes, 5 de junio de 2012


ENTREVISTA A GUMERSINDO VILLAMAYOR DONO, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES DE A ESTRADA.


No centro, Gumersindo Villamayor, presidente de ACOE, nun dos seus múltiples actos.


Na búsqueda de información acerca do pequeno comercio de A Estrada, como referente da nosa actividade económica e forte creador de postos de traballo no concello, lévase a cabo a seguinte entrevista a Gumersindo Villamayor Dono, presidente da Asociación de Comerciantes de A Estrada (ACOE), e propietario de Copistería Copistrada. Gran innovador e coñecedor do sector, a súa ambición e carácter abren unha porta á dinamización do pequeno comercio, nun tempo fortemente marcado pola crise económica e o dominio das grandes superficies.

Velaquí o enlace donde seguir os proxectos e infraestructura da asociación, a través da súa páxina web:



Antes de comezar, agradecer a inestimable colaboración de Raquel López López, xerente de ACOE, quen mediante a súa gran vontade e inestimable colaboración se puido levar a cabo este proxecto.

Sen máis, comecemos coa entrevista....

P: Como inicio, ¿poderíasnos comentar como xorde ACOE?
R: A asociación ACOE, xorde basicamente como unha actitude de defensa ante o desenvolvemento e proliferación das grandes superficies, nos tempos da apertura de Área Central e o Corte Inglés. Neste tempo concédense tamén axudas para a promoción do pequeno comercio. Ese é o contexto no cal xurdimos...

P: Como presidente, ¿cales son as túas principais liñas de actuación?
R: Levar a cabo os obxectivos de ACOE. A asociación oferta unha serie de servizos por debaixo dos prezos de mercado. Ofrécense dende axudas á xestión, gardería, asesoría, párking.... e múltiples actividades variadas.
Basicamente somos un organismo de xestión enfocado ao pequeno comercio.

P: ¿Cal é o funcionamento?
R: ACOE é unha asociación de réxime democrático, elixindo unha directiva cada 2 anos. Celebramos unha Asamblea Xeral de socios anualmente, e varias extraordinarias. Actualemente está composta por 10 directivos.

P: ¿A que sectores engloba?
R: Ao sector automobilístico, téxtil, á hostelería, complementos, restauración... ao pequeno comercio estradense en xeral.

P: Dada a variedade de sectores, ¿isto non crea un problema á hora de acadar obxectivos comúns?
R: Si que os crea, por suposto. Un exemplo claro é o caso da hostelería, un sector moi complexo. O importante é tratar de minimizar o problema ao máximo, tendo claro o obxectivo fundamental, protexer ao pequeno comercio. Ante a heteroxeneidade reinante, resulta primordial establecer uns obxectivos comúns cos que acadar vantaxes para todos,  por exemplo a través de campañas para os sectores implicados. Trátase de ser flexibles pero cunha idea clara.

P: ¿Cantas empresas compoñen a asociación?
R: Agora mesmo somos 160 asociados. Na miña opinión, tódolos membros deberían estar integrados na ACE, para tratar de aproveitar as sinerxías e crear colectivismo entre os diferentes grupos, debería incluso ser obrigatorio.

P: ¿En que consiste o Centro Comercial Aberto?
R: O Centro Comercial Aberto é un órgano que aglutina ao pequeno comercio. Constitúese como un modelo de asociacionismo do mesmo, con características e obxectivos en común a través dos que conseguir consolidar unha marca. É xusto o oposto aos centros comerciais pechados como o seu nome ben indica, o noso obxectivo é o comercio da rúa.

P: A asociación persegue o colectivismo e interacción empresarial entre as empresas da vila, ¿realmente prodúcese?
R: Non todo o que se debería lograr, pero sen dúbida a asociación amosa aspectos moi positivos, os cales non se chegarían a dar sen a súa existencia. O gran lastre co que nos atopamos é a falta de compromiso, participación, profesionalización... Non existe unha tradición comercial no pobo, traballar sen asociacionismo e sen as novas tecnoloxías son factores que dificultan a actividade. Neste senso a tradición histórico-cultural xoga un papel clave, así como a realidade socioeconómica ante a tesitura actual, estamos a traballar cara a “chinarización” da economía, e a exclusión do pequeno comercio.

P: Co logotipo Merca A Nosa Marca lévase a cabo un tipo de marketing empresarial que favorece o crecemento económico na nosa vila pero, ¿cal é a resposta dos habitantes?
R: A través deste logotipo trátase de incentivar o consumo nos comercio estradense. Ademais con ela intégrase a tódalas empresas asociadas.
Basicamente, o problema do pequeno comercio é de autoestima. A imaxe que se da, trato persoal, paternalismo, pode a veces xogar un papel contraditorio: a perspectiva do “pobriño” comerciante non funciona.

P: ¿A que tipo de problemas se enfronta a asociación hoxe en día?
R: A crise sen dúbida é un factor determinante, ata o momento a resposta á mesma foi moderadamente satisfactoria. Creo que o maior impacto se dará a partires de agora. Economicamente a asociación segue máis ou menos como estaba, e mantéñense o número de asociados. Un dos problemas que se nos plantexa coa crise é a redución das axudas e subvencións provintes da Xunta, fálase de reducións á metade das mesmas.
Co tempo logramos un gran avance, ata fai pouco non había local nin xerencia, agora si, polo que a asociación cobra un carácter máis formal, dotándoa dun espazo físico ao cal dirixirse, proporcionando aos integrantes un mellor asesoramento.
Habitualmente recibimos queixas e suxerencias, sobre todo queixas... as cales grazas a Raquel e ao seu gran labor rapidamente se solucionan (risas), sen a súa axuda realmente isto sería complicado de soster.

P: ¿Que iniciativas se están a levar a cabo?
R: Pois entre elas están as subvencións ao cine, para que a xente merque e non se vaia a outros lugares, por exemplo. O obxectivo é sumar ao ente que máis promociona e subvenciona a cultura de A Estrada a través da iniciativa privada. A pedra angular de todo isto é manter e desenvolver actividades culturais, xa que fixan poboación e mercado.
Entre os programas que desenvolvemos nos últimos tempos destacar a campaña do libro, un concurso de tapas para a hostelería da vila, a tarxeta por puntos mediante a cal os consumidores poden obter premios pola súa fidelidade ao pequeno comercio.... As máis importantes son as campañas de nadal e primavera.
Outra medida, ante a coxuntura económica actual, é a de racionalizar o gasto ante a redución das subvencións. A tardanza á hora de recibir os fondos públicos, en torno a tres meses, xa nos causou graves problemas nos últimos tempos, entrando en números roxos medio ano.

P: ¿En que consiste a Tarxeta de Fidelización do Comercio de A Estrada?.
R: Os asociados participantes nesta iniciativa entréganlle aos clientas as tarxetas, as cales se cargan con puntos para optar a un catálogo de produtos.
A través desta tarxeta obtemos información de relevancia en canto ás preferencias e actitudes dos consumidores. Sen embargo, a súa implementación é custosa, sete anos van xa para poñelas en orde, sobre todo en canto á base de datos se refire. Nesta mesma liña tamén se fan tarxetas regalo.

P: ¿A asociación conta con apoio do Concello e da Administración, ou dalgún ente privado?
R: De entes privados non, sea caso convenios con parkings, seguros, gardería, transporte, paquetería, con FIMEGA, abogados, descontos en xestión.... multitude de aportacións cos que  os comerciantes locais poden acadar un aforro en torno ao 40% ou 50% se forman parte de ACOE.

P: ¿Existen programas de formación?
R: Si existe un amplo abanico en canto a programas de formación, sen embargo prodúcese unha grave problemática pola incompatibilidade de horarios. A pesar de todo, o problema máis importante segue a ser a falta de interese.

P:¿Cales son as perspectivas a medio e longo prazo?
R: A mellora en canto á tesitura socioeconómica, levar a cabo campañas máis concretas, transmitir optimismo tanto ao consumidor como ao pequeno empresario... constitúen retos básicos para o bo funcionamento da asociación.

P: Moitas grazas pola túa colaboración e aporte á dinamización cultural do pequeno comercio, espero que se cumpran os obxectivos marcados, e siga adiante este gran proxecto.
R: Grazas a ti por contar connosco.