jueves, 1 de marzo de 2012




GRANXA FAMILIAR.COM

Granxa Familiar é un proxecto creado a partir dun estudo levado a cabo en Galicia e Irlanda entre o ano 2003 e 2006, sendo financiado pola Fundación Feiraco e o GIST–T IDEGA da USC. Amósase como unha oportunidade de cambio, ponte entre o pequeno agricultor e o consumidor, o cal paulatinamente demanda produtos de alta calidade, ecolóxicos e  respetuosos co medio ambiente. Atrás quedan os tempos nos que tan só importaba a produción en masa, o novo consumidor demanda bens que melloren a súa calidade de vida e favorezan a súa saúde.
Mediante Granxa Familiar perséguese poñer en contacto directamente aos produtores galegos, asentados predominantemente no rural e adicados fundamentalmente ao multicultivo de subsistencia (estando hoxe en día preparados para saír ao mercado), con ese novo consumidor, o cal polas trabas existentes (a vida na cidade, falta de tempo, a  distancia, descoñecemento, etc.), non pode acceder a ditos produtos de alta calidade.
Por outra banda, e non menos importante, está o acoso sometido polas grandes superficies e maioristas aos produtores do rural, os cales ven como os seus produtos son vendidos nos mercados a uns prezos moi superiores aos que eles reciben pola existencia das grandes canles de distribución e intermediación.
Con este novo proxecto, créase a posibilidade de mediación directa entre oferente – demandante, dando como resultado un prezo xusto entre ambos. O produtor recibe aquela cantidade que satisfai os custes de produción e o traballo empregado, e o consumidor recibe un produto de alta calidade, carente de alteracións químicas prexudiciais coa saúde e co medio ambiente.
Dadas as oportunidades do noso pobo, A Estrada, o concello coa maior cantidade de aldeas de todo Galicia, nas cales se desenvolve unha agricultura sostible, moi variada en canto a produtos,  e respetuosa co medio, ¿sería posible asentar as bases para a creación dun mercado deste tipo?. O exemplo claro está neste grupo de agricultores que desempeñan este proxecto e os beneficios, tanto cuantitativos como cualitativos, que están a obter.
No tempo que estamos a vivir, de profunda crise económica e cos niveis de desempregro máis altos de Europa e practicamente da nosa historia, o rural volve a coller forza en canto ás súas grandes posibilidades. O esgotamento das oportunidades no medio urbano, así como ese ritmo frenético e pouco saudable para a poboación, abren de novo o camiño para a dinamización e impulso do rural galego. Atrevámonos a coñecelo, sen dúbida non sairemos perdendo.

2 comentarios:

  1. Pero sería posible algo asi na Estrada e comarca? crearía emprego?

    ResponderEliminar
  2. Na miña opinión e dado o gran peso da agricultura no rural estradense, si se podería levar a cabo un proxecto deste tipo. Practicamente tódalas falimilas do rural teñen os seus cultivos, adicados fundamentalmente á súa subsistencia, ecolóxicos e que prestan un gran apoio ás súas economías.

    Dada a situación xeográfica e rede de comunicación, A Estrada pode e debería constutuírse como un enclave importante en canto a agricultura e ganadería se refire. A dinamización dun proxecto deste tipo, dada a existencia das infraestructuras pertinentes, axudaría enormemente ás familias estradenses nestes tempos de crise.

    A oportunidade está nas nosas mans...

    ResponderEliminar