A máis famosa das Rapas celébrase todos os veráns na parroquia de San Lourenzo de Sabucedo no noso concello, A Estrada. A devandita parroquia consta de tres aldeas: Sabucedo, a Devesa, e a Barbeira, cun total de 50 habitantes que chegan a se duplicar as fins de semana.
Na actualidade ten máis de 600 cabalos, chamadas bestas ás femias e
garañóns aos machos, divididos en 14 manadas, que viven libres nunha extensión
de máis de 200 km² de monte. Esta celebración consiste, como noutros curros, en
recoller os cabalos do monte, metelos no curro, rapalos e marcalos.
O de Sabucedo é o curro máis coñecido no ámbito galego, presenta ademais
trazos propios que o diferencian dos demais, non empregándose cordas nin
utensilios diversos para reducir ao cabalo, senón que son os
"aloitadores" os encargados de suxeitar á besta ou garañón mentres se
procede a rapa, usando tan só a súa destreza e o seu corpo para realizar o
labor.
A "baixada" ou actividade de xuntanza e condución das bestas ata
Sabucedo forma parte da propia celebración e participan nela centos de persoas
de Galicia e de fóra da comunidade autónoma. Unha vez que se xuntan as greas
que andan espalladas polos montes de Quireza, Souto, Cuntis, Campo Lameiro e
demais, cada grupo de xente reúne as greas que pode e logo xúntanas no Peón,
antes de baixar para a aldea.
Unha vez comezada a baixada, as greas descansarán en Cataroi, un terreo por
riba da vila onde poden beber, alimentarse e coller forzas para soportar
con valentía a loita que poucas horas despois manterán cos mozos de Sabucedo.
A primeira Rapa lévase
a cabo o sábado pola tarde, nun curro de pedra semicircular de recente creación
(antes o curro estaba a carón da Igrexa, outro sinal do vencellamento de
Festa-Igrexa).
O feito da Rapa non é só cortar as crinas, senón tamén a previa aloita
corpo a corpo, home-besta, e a inmobilización do animal. O acto, que antes máis
ca divertir tiña coma fin vender as serdas, comeza co acurramento dunha parte
das bestas. Os nenos separarán os poldros (bichiños) para que estes non sexan
mancados polos grandes e irse así iniciando na actividade. O acto da Rapa representa tamén, segundo o estudoso Manuel Cabada, unha
iniciación simbólica do paso do neno á mocidade, ao agarrar por primeira vez un
poldro guiado e dirixido polos maiores.
Seguidamente os aloitadores, nos últimos anos tamén algunhas aloitadoras,
collen un cabalo, diríxense especialmente ás bestas do Santo, e loitan con el corpo a corpo, sen máis aparellos que a
súa forza.
Esta forma de aloitar herdouse de xeración en xeración: dous aloitadores
van á cabeza e un ao rabo. Un dos que vai á cabeza debe ser o que salta enriba
do animal e cabalga sobre el. Pouco despois, o segundo da cabeza acode na súa
axuda. Cando este chega e se engancha nas crinas dianteiras, o que está subido
no équido debe baixar do animal. Ó mesmo tempo o aloitador que vaia ó rabo debe
facer unha serie de movementos para intentar desequilibrar a besta.

Cara ó mediodía as bestas iniciarán a súa viaxe cara ó alto do monte. “Cada
cabalo griñón reagrupará, rinchando, de novo a súa grea e deste xeito a eguada
de San Lourenzo de Sabucedo esperará un ano máis a ritual visita ó seu pobo, ó
pobo desas xentes de Sabucedo que durante séculos tiveron e seguen tendo a
teima de defender contra homes, lobos e lume as súas bestas”.
Historia da Rapa das Bestas de Sabucedo.
Aínda que nun principio pareza unha festa de carácter profano, todo indica
que está moi vinculada coa Igrexa. Trátase dunha festa “máxico-relixiosa”. O
propio nome de Sabucedo participa desta característica, a etimoloxía identifica
o nome con “sabucus” ou “sambucos”, procedente do latín, que significa
“sabugueiro”, planta de virtudes curativas e que era mirada coma unha árbore
bendita.


Esta lenda volve vincular o acto coa Igrexa, e segue a tradición dos antergos ó longo dos séculos. O único que muda dende entón é a data de celebración. Antigamente facíase no día de Pentecostés, e pode que houbera dúas baixas. Hoxe en día celébrase no verán. Comeza a festa a madrugada do primeiro sábado de xullo con foguetes que chaman a xente á misa ou eucaristía da alborada, na que se pide a protección de San Lourenzo para todos os actos que conleva a celebración.
En 1963 a festa foi declarada de Interese Turístico Nacional, e no ano 2007 de Interese Turístico Internacional, quedando así entre as catro que teñen este galardón en Galicia.
Protexer este gran patrimonio da nosa cultura, recoñecido a nivel mundial, perténcenos a nós, estradenses, conservándoa e dinamizándoa, dende o respeto pola natureza e tradición, e sobre todo polos grandes protagonistas na celebración, eses fermosos cabalos do Santo...
Moi interesante Álex, parabéns por esta reportaxe.
ResponderEliminarCantos turistas poderían estar interesados?
Moitas gracias. Segundo os datos aos que tiven acceso a rapa congrega na actualidade en torno a 20.000 visitantes, incrementándose o número cada ano. A próxima rapa xa está fixada para o fin de semana do 7 e 8 de xullo, farei unha nova reportaxe co contido da mesma e cos resultados acadados.
ResponderEliminar