martes, 5 de junio de 2012


ENTREVISTA A GUMERSINDO VILLAMAYOR DONO, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES DE A ESTRADA.


No centro, Gumersindo Villamayor, presidente de ACOE, nun dos seus múltiples actos.


Na búsqueda de información acerca do pequeno comercio de A Estrada, como referente da nosa actividade económica e forte creador de postos de traballo no concello, lévase a cabo a seguinte entrevista a Gumersindo Villamayor Dono, presidente da Asociación de Comerciantes de A Estrada (ACOE), e propietario de Copistería Copistrada. Gran innovador e coñecedor do sector, a súa ambición e carácter abren unha porta á dinamización do pequeno comercio, nun tempo fortemente marcado pola crise económica e o dominio das grandes superficies.

Velaquí o enlace donde seguir os proxectos e infraestructura da asociación, a través da súa páxina web:



Antes de comezar, agradecer a inestimable colaboración de Raquel López López, xerente de ACOE, quen mediante a súa gran vontade e inestimable colaboración se puido levar a cabo este proxecto.

Sen máis, comecemos coa entrevista....

P: Como inicio, ¿poderíasnos comentar como xorde ACOE?
R: A asociación ACOE, xorde basicamente como unha actitude de defensa ante o desenvolvemento e proliferación das grandes superficies, nos tempos da apertura de Área Central e o Corte Inglés. Neste tempo concédense tamén axudas para a promoción do pequeno comercio. Ese é o contexto no cal xurdimos...

P: Como presidente, ¿cales son as túas principais liñas de actuación?
R: Levar a cabo os obxectivos de ACOE. A asociación oferta unha serie de servizos por debaixo dos prezos de mercado. Ofrécense dende axudas á xestión, gardería, asesoría, párking.... e múltiples actividades variadas.
Basicamente somos un organismo de xestión enfocado ao pequeno comercio.

P: ¿Cal é o funcionamento?
R: ACOE é unha asociación de réxime democrático, elixindo unha directiva cada 2 anos. Celebramos unha Asamblea Xeral de socios anualmente, e varias extraordinarias. Actualemente está composta por 10 directivos.

P: ¿A que sectores engloba?
R: Ao sector automobilístico, téxtil, á hostelería, complementos, restauración... ao pequeno comercio estradense en xeral.

P: Dada a variedade de sectores, ¿isto non crea un problema á hora de acadar obxectivos comúns?
R: Si que os crea, por suposto. Un exemplo claro é o caso da hostelería, un sector moi complexo. O importante é tratar de minimizar o problema ao máximo, tendo claro o obxectivo fundamental, protexer ao pequeno comercio. Ante a heteroxeneidade reinante, resulta primordial establecer uns obxectivos comúns cos que acadar vantaxes para todos,  por exemplo a través de campañas para os sectores implicados. Trátase de ser flexibles pero cunha idea clara.

P: ¿Cantas empresas compoñen a asociación?
R: Agora mesmo somos 160 asociados. Na miña opinión, tódolos membros deberían estar integrados na ACE, para tratar de aproveitar as sinerxías e crear colectivismo entre os diferentes grupos, debería incluso ser obrigatorio.

P: ¿En que consiste o Centro Comercial Aberto?
R: O Centro Comercial Aberto é un órgano que aglutina ao pequeno comercio. Constitúese como un modelo de asociacionismo do mesmo, con características e obxectivos en común a través dos que conseguir consolidar unha marca. É xusto o oposto aos centros comerciais pechados como o seu nome ben indica, o noso obxectivo é o comercio da rúa.

P: A asociación persegue o colectivismo e interacción empresarial entre as empresas da vila, ¿realmente prodúcese?
R: Non todo o que se debería lograr, pero sen dúbida a asociación amosa aspectos moi positivos, os cales non se chegarían a dar sen a súa existencia. O gran lastre co que nos atopamos é a falta de compromiso, participación, profesionalización... Non existe unha tradición comercial no pobo, traballar sen asociacionismo e sen as novas tecnoloxías son factores que dificultan a actividade. Neste senso a tradición histórico-cultural xoga un papel clave, así como a realidade socioeconómica ante a tesitura actual, estamos a traballar cara a “chinarización” da economía, e a exclusión do pequeno comercio.

P: Co logotipo Merca A Nosa Marca lévase a cabo un tipo de marketing empresarial que favorece o crecemento económico na nosa vila pero, ¿cal é a resposta dos habitantes?
R: A través deste logotipo trátase de incentivar o consumo nos comercio estradense. Ademais con ela intégrase a tódalas empresas asociadas.
Basicamente, o problema do pequeno comercio é de autoestima. A imaxe que se da, trato persoal, paternalismo, pode a veces xogar un papel contraditorio: a perspectiva do “pobriño” comerciante non funciona.

P: ¿A que tipo de problemas se enfronta a asociación hoxe en día?
R: A crise sen dúbida é un factor determinante, ata o momento a resposta á mesma foi moderadamente satisfactoria. Creo que o maior impacto se dará a partires de agora. Economicamente a asociación segue máis ou menos como estaba, e mantéñense o número de asociados. Un dos problemas que se nos plantexa coa crise é a redución das axudas e subvencións provintes da Xunta, fálase de reducións á metade das mesmas.
Co tempo logramos un gran avance, ata fai pouco non había local nin xerencia, agora si, polo que a asociación cobra un carácter máis formal, dotándoa dun espazo físico ao cal dirixirse, proporcionando aos integrantes un mellor asesoramento.
Habitualmente recibimos queixas e suxerencias, sobre todo queixas... as cales grazas a Raquel e ao seu gran labor rapidamente se solucionan (risas), sen a súa axuda realmente isto sería complicado de soster.

P: ¿Que iniciativas se están a levar a cabo?
R: Pois entre elas están as subvencións ao cine, para que a xente merque e non se vaia a outros lugares, por exemplo. O obxectivo é sumar ao ente que máis promociona e subvenciona a cultura de A Estrada a través da iniciativa privada. A pedra angular de todo isto é manter e desenvolver actividades culturais, xa que fixan poboación e mercado.
Entre os programas que desenvolvemos nos últimos tempos destacar a campaña do libro, un concurso de tapas para a hostelería da vila, a tarxeta por puntos mediante a cal os consumidores poden obter premios pola súa fidelidade ao pequeno comercio.... As máis importantes son as campañas de nadal e primavera.
Outra medida, ante a coxuntura económica actual, é a de racionalizar o gasto ante a redución das subvencións. A tardanza á hora de recibir os fondos públicos, en torno a tres meses, xa nos causou graves problemas nos últimos tempos, entrando en números roxos medio ano.

P: ¿En que consiste a Tarxeta de Fidelización do Comercio de A Estrada?.
R: Os asociados participantes nesta iniciativa entréganlle aos clientas as tarxetas, as cales se cargan con puntos para optar a un catálogo de produtos.
A través desta tarxeta obtemos información de relevancia en canto ás preferencias e actitudes dos consumidores. Sen embargo, a súa implementación é custosa, sete anos van xa para poñelas en orde, sobre todo en canto á base de datos se refire. Nesta mesma liña tamén se fan tarxetas regalo.

P: ¿A asociación conta con apoio do Concello e da Administración, ou dalgún ente privado?
R: De entes privados non, sea caso convenios con parkings, seguros, gardería, transporte, paquetería, con FIMEGA, abogados, descontos en xestión.... multitude de aportacións cos que  os comerciantes locais poden acadar un aforro en torno ao 40% ou 50% se forman parte de ACOE.

P: ¿Existen programas de formación?
R: Si existe un amplo abanico en canto a programas de formación, sen embargo prodúcese unha grave problemática pola incompatibilidade de horarios. A pesar de todo, o problema máis importante segue a ser a falta de interese.

P:¿Cales son as perspectivas a medio e longo prazo?
R: A mellora en canto á tesitura socioeconómica, levar a cabo campañas máis concretas, transmitir optimismo tanto ao consumidor como ao pequeno empresario... constitúen retos básicos para o bo funcionamento da asociación.

P: Moitas grazas pola túa colaboración e aporte á dinamización cultural do pequeno comercio, espero que se cumpran os obxectivos marcados, e siga adiante este gran proxecto.
R: Grazas a ti por contar connosco. 


2 comentarios:

  1. Moi interesante a entrevista, e interesante tamén que algo tan heteroxéneo como son os comercios da vila traten de chegar a acordos comúns que os beneficien a todos, especialmente en tempos de crise onde a unión fai a forza.As asociacións de empresarios son, neste momento, fundamentais para a dinamización de vilas pequenas onde moitos autónomos atopan o seu medio de vida.

    ResponderEliminar
  2. Dende logo no concello estradense presentan unha importancia moi significativa. De momento non contamos con grandes superficies tipo Área Central ou Corte Inglés que compitan ferozmente co pequeno comercio. Sen embargo, tal e como se recolle na entrevista, un dos grandes lastres segue ser a falta de asociacionismo. Sen dúbida, ACOE preséntase como un raio de luz...

    ResponderEliminar