martes, 1 de mayo de 2012

¿Que é o Marketing Territorial?




Este concepto relativamente recente e novedoso, toca disciplinas diferentes como a economía, a socioloxía e a xeografía.

Podemos definir o marketing territorial como un plan encamiñado a deseñar accións para a promoción económica dun territorio, tendo gran relevancia como parte importante da elaboración dunha estratexia de desenvolvemento local e sostible nun concello ou comarca.

Nesta estratexia de desenvolvemento local, xunto ao desenvolvemento económico e a promoción territorial, deben explicitarse as liñas encamiñadas a conseguir o aumento da calidade de vida dos cidadáns, a protección do medio ambiente, a difusión cultural e a atracción de recursos do exterior mediante novos inversores.

No contexto de desenvolvemento económico local, a problemática do marketing territorial caracterízase por dous factores dominantes:

·         O marco lexislativo: Recentemente os organismos de ámbito local cambian o seu papel pasivo por unha actuación directa na intervención económica en favor do desenvolvemento territorial. O papel da descentralización e os novos enfoques ascendentes marcan as novas liñas de actuación.

·         A realidade socioeconómica actual: A acción económica das colectividades locais sitúase nun medio dominado pola crise, caracterizándose o territorio pola súa fraxilidade. O crecemento das actividades económicas locais e a atracción de novas empresas constitúen á vez medios de preservar o emprego local e de garantir recursos fiscais, susceptibles de ser invertidos  noutros esforzos de desenvolvemento territorial.

O marketing territorial promove a identidade da zona, permitindo crear a través dun proceso colectivista unha imaxe de marca-territorio. Constitúese polo tanto como un produto, explotado pola colectividade á cal lle reporta un beneficio común. Achégaselle aos cidadáns unha maior satisfacción á vez que se atrae a turistas e inversores. Todos xuntos promoverán e permitirán  a mellora tanto do nivel como da calidade de vida dese territorio.

Sen embargo, para tal fin é necesario ese sentimento de identidade que a cotío non existe no noso país, ¿a nivel local, cres que o concello de A Estrada está o suficientemente preparado para levar a cabo unha iniciativa deste tipo? ¿Realmente posuímos ese sentimento de pertenza e identidade cara a nosa terra, enfatizando o colectivismo por encima do individualismo, que nos permita actuar como unha única “marca”?

Múltiples son as posibilidades do noso pobo: eventos como a Feira do Moble (exportando a imaxe de Capital do moble de Galicia), a gastronomía, a Festa do Salmón e o atractivo turístico dos tres cotos salmoneiros máis importantes de toda a Comunidade Autónoma (Sinde, Ximonde e Couso no río Ulla), a dinamización da industria pola situación xeográfica e estratéxica da vila, as exposicións e iniciativas en favor da defensa da cultura local, son algúns factores que poden axudar a crear esa marca e identidade local na poboación. Ditos exemplos non se deben confundir co denominado marketing empresarial, xa que unidos e combinados tódolos factores, xerarán esa defensa e sentimento de pertenza por posuir unha riqueza dun valor incalculable, no cal as plusvalías irán dirixidas ao conxunto do pobo.

 Está nas nosas mans....

2 comentarios:

  1. Sería moi positivo, na miña opinión, que nun concello co potencial de A Estrada se den experiencias de marketing territorial. Sen dúbida atraería poboación e visitantes, á vez que se reforzaría a imaxe que, dende fóra, os que non coñecemos o concello, podemos ter. Seguro que crear a "Marca A Estrada" reforzaría o papel do concello a nivel provincial á hora de atraer turistas, investimentos empresariais e mesmo poboación. Como ti dis, está nas vosas mans.

    ResponderEliminar
  2. Ademais contamos co apoio dese gran concello lucense da Pastoriza non?? debemos poñer en marcha os mecanismos necesarios para implementar o sentimento de identidade dos nosos pobos e deste modo consolidar o potencial que posuímos. O marketing territorial sería un bo paso adiante. o obxectivo: seguir creando debate e posta en coñecemento para a poboación.

    ResponderEliminar