martes, 1 de mayo de 2012

(I) Do politicamente correcto...






O “Plan Estratéxico de Galicia 2010 – 2014” trátase dun documento aberto de planificación económica para a nosa comunidade autónoma, no cal se recollen unha serie de medidas encamiñadas a incrementar a riqueza e o benestar dos cidadáns a través da mellora na produtividade, competitividade e innovación.

A planificación formulada recolle tres niveis de obxectivos: Un obxectivo global, cinco eixes de actuación e dezaseis obxectivos estratéxicos, que establecen e desenvolven un conxunto de máis de cen medidas nas que se integran as actuacións dos programas de gastos da Xunta de Galicia. Así mesmo, móstrase a coherencia entre os obxectivos estratéxicos do PEG 2010-2014 (horizonte 2020) e as Directrices Integradas de Europa 2020, da coñecida como Estratexia 2020 (a cal sucede á Estratexia de Lisboa no marco da UE).

Este documento marca as pautas a seguir na mellora do nivel e calidade de vida dos galegos pero, ¿poderíase aplicar o mesmo plan a calquera das outras 16 comunidades autónomas españolas, ou incluso noutros países?

O texto expón unha serie de obxectivos demasiado xerais na miña opinión, os cales se poderían aplicar a calquera territorio. Máis que un texto tan elaborado con tantas e tantas liñas de actuación mediante un enfoque descendente, penso que sería moito máis recomendable facer un estudo e análise máis descentralizado, para deste modo observar os problemas existentes nas diferentes áreas estipuladas e aplicar as medidas acordes a cada zona. Os plans elaborados para grandes zonas tan só poden recoller liñas xerais de actuación, sen embargo, aplicar as políticas a zonas máis concretas pode consolidarse como un mecanismo para o desenvolvemento rexional moito máis polivalente.

Velaquí o enlace por se queredes revisar o documento oficial:



Segundo a vosa opinión ¿poderíanse aplicar estes obxectivos estipulados no PEG 2010 – 2014 indistintamente aos 315 concellos galegos? ¿Aplicarías algún distinto para o Concello de A Estrada?

2 comentarios:

  1. Pode ser que a aplicación dun plan estratéxico distinto para cada concello de Galicia supoña unha drenaxe de recursos imposible de levar a cabo, pero o que si está claro é que estes obxectivos non se adaptan a tódalas necesidades existentes. Nada ten que ver un concello da Galicia máis rural coas necesidades de cidades como Santiago ou Vigo, por exemplo. Así, quizais sería máis positivo ter en conta esas necesidades á fin de lograr a tan teimada eficiencia que se menciona no plan, pero que semella non poder ser alcanzada debido ás diferenzas territoriais de Galicia.

    ResponderEliminar
  2. Os recursos necesarios para levar a cabo un plan destas características para cada concello ben certo é que resulta imposible, pero sí se podería levar a cabo a creación de medidas comúns entre diferentes municipios. A creación dunha especie de mancomunidades para pobos limítrofes e con inquedanzas comúns si semella posible, para aplicar os novos enfoques ascendentes, os cales semellan máis eficaces para acadar como ti dis a tan ansiada e mencionada eficiencia. Grupos de acción local concentrados acadarían un nivel de presión máis grande para implementar as medidas territoriais necesarias para as diferentes áreas.

    ResponderEliminar